Friday 19 de April de 2024

O Concello de Padrón alerta á veciñanza dunha persoa que se fai pasar por empregado municipal para entrar nas vivendas do rural


A Policía Local estivo onte buscando a esta persoa, que tentou entrar en vivendas de Carcacía alegando que era representante do Concello de Padrón para facer un curso de seguridade en vivendas do rural

O Concello de Padrón alerta á veciñanza fronte a unha persoa que na tarde de onte se fixo pasar por empregado municipal para tentar entrar en vivendas de Carcacía coa escusa de organizar un curso municipal de seguridade nas vivendas do rural. O Concello de Padrón informa de que ese curso non existe e que tampouco non hai ningún empregado municipal percorrendo o rural do municipio, polo que pide á veciñanza que estea alerta, non facilite a entrada á vivenda a persoas que non acrediten debidamente a súa identidade e que, ante calquera dúbida, se poñan en contacto coas forzas de seguridade.

De feito, a Policía Local de Padrón estivo toda a tarde de onte percorrendo o rural do municipio na busca desta persoa, despois de recibir unha alerta veciñal. Consideran que a intención desta persoa é acceder ás vivendas para coñecelas por dentro e poder volver noutro momento para roubar ou incluso aproveitar un descoido da persoa propietaria para roubar nese momento. Por iso, tanto o equipo de Goberno como as forzas de seguridade solicitan á veciñanza do rural que, ante calquera sospeita, se poñan en contacto co Concello ou coa Policía Local.